MICE Museo do Pobo Galego.

Descripción

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) é un evento promovido polo Museo do Pobo Galego que pretende dar a coñecer os traballos audiovisuais que se fan no campo da etnografía e a antropoloxía visual. A MICE continúa a traballar desde a antropoloxía social e cultural para dar a coñecer propostas que produzan coñecemento sobre os colectivos sociais e as culturas humanas, pero que tamén coiden o punto de vista cinematográfico exhibindo os traballos destacados neste campo e abordando as súas novas tendencias. Outro dos seus obxectivos é potenciar e divulgar a creación de traballos audiovisuais con este carácter en Galicia, amosando que a etnografía como ciencia social vai moito máis alá do exótico, do primitivo ou do tradicional. A etnografía é unha práctica na que se integran as olladas sobre as persoas e os contextos do presente, os cambios sociais e a diversidade cultural da época na que nos tocou estar. Nese sentido, a MICE ten como principio visibilizar esas diferentes maneiras de ver, e recolle un ano máis cunha énfase especial no cinema etnográfico realizado por mulleres, un colectivo que leva tempo construíndo unha narrativa na que poder recoñecerse, contraposta ás representacións hexemónicas que se fan delas e doutras comunidades minorizadas.

 

A décimo quinta edición desta mostra, que se ía celebrar en Santiago de Compostela en marzo de 2020, conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC - Xunta de Galicia), da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago de Compostela. A MICE forma parte de Proxecta. Coordinadora Galega de Festivais de Cinema.

mice.museodopobo.gal